O goberno municipal alerta do "brutal absentismo" da Policía Local de Ourense, que "se dispara ao 28% no verán" (29 de 102 axentes). O Concello advirtiu á mutua laboral desta anomalía estatística, para que indague posibles casos de fraude, que poderían constituír un incumprimento laboral grave ou un delito de estafa. O goberno local valora a posibilidade de que "algúns axentes policiais poderían solicitar baixas médicas unicamente para estender as súas vacacións ou gozar de máis días libres en época estival".
A porcentaxe de baixas laborais da Policía Local de Ourense (28,4%), contrasta co 6% que actualmente presenta o corpo de Bombeiros do mesmo Concello, ou a media laboral española que rolda o 7%. Tamén chama a atención o dato se se compara coa porcentaxe da Garda Civil (7,5%).
Sinala o grupo de goberno que "non cabe dúbida de que non todas as baixas laborais serían fraudulentas. Actualmente no corpo da Policía Local de Ourense hai casos de baixas médicas por enfermidades ou incapacidades incuestionables, de gravidade nalgúns casos, que merecen solidariedade, pero cuxos delicados casos non poden ser o parapeto de estafadores vacacionais". Entenden que sería "indignante que fosen precisamente policías, que deberían velar pola seguridade, os que cun egoísmo desmedido poñan en risco a seguridade da cidade, un desprezo non só aos cidadáns se non a todos os compañeiros do corpo que cumpren co seu deber, sexa agosto ou novembro".
O goberno municipal considera que é necesario reformar os sistemas de control e supervisión do absentismo nas administracións públicas e alertou á mutua laboral responsable do persoal municipal para que estudie a fondo esta situación.