O Concello de Lugo, a través da área de Cohesión Social, organiza o II Maratón de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) 'Lugo con Corazón', unha xornada aberta á cidadanía coa que se busca reforzar a formación práctica da poboación en técnicas básicas de primeiros auxilios e no uso dos desfibriladores públicos instalados pola cidade.
O evento celebrarase o mércores 16 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, en diferentes prazas e parques de Lugo, convertendo o espazo público nunha gran aula de aprendizaxe colectiva. "Actividades coma esta permiten salvar vidas e seguir avanzando cara a un Lugo máis saudable e comprometido co benestar da súa veciñanza", afirmou o alcalde Miguel Fernández, quen subliñou tamén "a importancia de que cada vez máis persoas coñezan as manobras básicas de reanimación, porque a resposta inmediata pode marcar a diferenza entre a vida e a morte."
A concelleira Olga López Racamonde engadiu que "con accións coma esta queremos achegar á cidadanía coñecementos básicos de RCP e normalizar o uso dos desfibriladores como dispositivos que salvan vidas. O máis importante é que todas e todos saibamos reaccionar ante unha parada cardiorrespiratoria, porque actuar nos primeiros minutos é determinante para salvar unha vida."
Esta segunda edición enmárcase no programa municipal 'Lugo con Corazón', unha estratexia pioneira coa que o Concello busca protexer á poboación fóra do ámbito hospitalario, mediante a instalación de desfibriladores en espazos públicos e dependencias municipais, e a organización de accións formativas dirixidas á cidadanía e ao persoal municipal.

A actividade conta coa colaboración do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, o Ilustre Colexio de Enfermaría de Lugo e o Servizo de Cardioloxía do Hospital Lucus Augusti (HULA), que contribúen á difusión e supervisión técnica das sesións formativas. Durante a xornada, o público poderá aprender a identificar unha parada cardiorrespiratoria, practicar manobras de RCP básica e coñecer o funcionamento dos desfibriladores DESA, nun formato didáctico, participativo e totalmente gratuíto, sen necesidade de inscrición previa.
As actividades desenvolveranse simultaneamente en catorce puntos da cidade, repartidos pola Praza Maior, a Praza da Horta do Seminario, a Praza de Augas Férreas, a Praza Agro do Rolo, a Praza das Illas, os soportais do Centro Comercial Abella, o Parque de Paradai, a Praza do Camiño Primitivo, a Praza Roxa, a Praza do Castiñeiro, a Praza Fonte dos Ranchos, a Praza da Milagrosa, o Parque do Sagrado Corazón e a praza-xardín situada entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural (Fonte das Lavandeiras), espazos escollidos por seren zonas de alta afluencia e de fácil acceso para toda a veciñanza.
A edil explicou que estas sesións teñen como obxectivo "familiarizar á xente co funcionamento destes equipos, que son moi sinxelos de empregar, e transmitir a confianza necesaria para actuar ante unha emerxencia". Os DESA contan con instrucións de voz que guían paso a paso o proceso, polo que calquera persoa pode utilizalos de forma segura mentres chegan os servizos de emerxencia.
Lugo conta actualmente cunha rede de 67 desfibriladores, que a converten na cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular, ao triplicar o cociente español destes soportes vitais. En total, 11 destes dispositivos están situados en prazas e rúas, 10 son portátiles e van instalados nos vehículos da Policía Local e dos Bombeiros, mentres que o resto se distribúe entre centros sociais, instalacións deportivas, culturais e edificios públicos municipais.
O II Maratón RCP 'Lugo con Corazón' consolida así o compromiso do Concello de Lugo cun modelo de cidade cardiosaudable e solidaria, no que a formación, a prevención e a implicación da veciñanza son elementos fundamentais para garantir o benestar e a seguridade da poboación.