O Concello de Ourense súmase á celebración -desde o ano 1993, cada 22 de marzo- do Día Mundial da Auga, evento promovido polas Nacións Unidas que ten por obxectivo destacar a importancia da auga e concienciar sobre a relevancia que ten este recurso. Ourense súmase a esta iniciativa coa organización dun programa especial que se centrará en dous eixos principais: concienciar sobre o patrimonio vinculado á auga, a través de visitas guiadas, e pór en relevo as bondades da riqueza termal na cidade e os seus beneficios para a saúde, a través de sesións de ioga. Ambas as actividades son gratuítas, se ben contan con prazas limitadas e é necesario inscribirse previamente.
Ioga termal. As sesións de Ioga Termal terán lugar no espazo termal de Burga de Canedo (Outariz), contará con dúas sesións diarias dunha hora de duración: ás 11h e ás 17h. Para participar é necesario roupa de baño, chancletas e toalla. Máis información e inscricións no teléfono 693 624 837.

Visitas guiadas. En horario de mañá mañá haberá actividades dirixidas a escolares, mentres pola tarde abriranse ao público xeral. Neste caso comenzará ás 18h e é necesario inscribirse previamente na Oficina Municipal de Turismo (tel. 988 366 064). Trátase dunha ruta interpretativa a pé que pretende dar a coñecer os lugares relacionados coa auga da cidade de Ourense, entre os que terá un especial protagonismo o seu manancial máis emblemático, As Burgas, sen deixar de lado outros elementos naturais, etnográficos e culturais que alberga a cidadee. Así o guía relatará a singular relación entre a agua e a pedra, mostrando a pegada que a primeira tivo na segunda, e que hoxe, a ollos de moitos, tornouse invisible: pontes, fontes históricas, criaturas míticas, divinidades, os usos da auga...
Tanto visitantes como locais porán gozar destas actividades que conxugan a concienciación coa parte máis lúdica, e que se enfocan nun recurso tan valioso e esencial como é a auga: Cada pinga, cada acción, conta.
"Acelerando o cambio" é o lema das Nacións Unidas para este ano, e centrarase en desenvolver o obxectivo 6 da Axenda 2030: garantir a dispoñibilidade, xestión sostible e o saneamento para todas as persoas.