A cidade de Lugo acollerá do 2 ao 7 de maio a cuarta parada do Tour do Talento 2023. Durante unha semana, organizaranse máis de 50 actividades, entre as que destacan foros, talent sessions e unha programación de lecer e actividades deportivas en diferentes espazos da cidade para impulsar e conectar o talento da mocidade. O Tour do Talento en Lugo, promovido pola Fundación Princesa de Xirona, organízase da man do Concello de Lugo e TRIVU como aliado estratéxico.
Despois de pasar por Zaragoza (do 20 ao 24 de febreiro), Valladolid (do 13 ao 18 de marzo) e Córdoba (do 13 ao 19 de abril), o Circuíto chega a Lugo cun programa enfocado a potenciar a empregabilidade, o emprendemento, os traballos do futuro, as competencias profesionais máis demandadas polas empresas, o awareness dixital, a educación, o benestar e o impacto social. Ademais, o Circuíto despregará un contido específico sobre tecnoloxía e sustentabilidade aplicadas a distintos ámbitos en xeral e ao deporte en particular.
Ao longo de seis días, os mozos poderán gozar de sesións inspiradoras, debates e talleres, xunto a unha programación de lecer e actividades deportivas, entre máis de 50 actividades que se programaron, todas elas gratuítas e abertas ao público, con aforo limitado. Para participar nos distintos talleres é necesaria a inscrición na web https://tourdeltalento.org/es/evento/lugo/.

Este venres tivo lugar a presentación oficial da programación na que participou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada dos concelleiros de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto; e Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira. Tamén asistiron o director do Tour, Jordi Estruga, e a directora de Premios da Fundación Princesa de Girona, Íngrid Aznar, xunto a representantes de entidades colaboradoras e que participarán na programación.
Lara Méndez incidiu " na importancia que ten esta iniciativa para a cidade, non só para visibilizar todo o noso potencial educativo e de talento xuvenil, senón tamén para poñer unha vez máis a Lugo no mapa nacional, xa que se trata dun evento de gran transcendencia e notoriedade".
A rexedora apuntou que "quixemos queremos dar voz a todos os axentes sociais e colectivos da nosa cidade que traballan e, por iso, o programa que vimos de presentar é froito das numersosas reunións e encontros que mantivemos nos últimos meses co tecido académico (universidades, centros de formación profesional, institutos, etc); empresarial e asociativo lucense".
Neste senso, agradeceu "a súa colaboración para deseñar axenda de actividades que darán forma ao Tour en Lugo, que incluirá talleres, exposicións e unha ampla oferta de contidos formativos, de desenvolvemento persoal e de ocio dirixidos, principalmente, á xuventude, e que, de seguro, será un éxito".
Pola súa banda, o director do Tour do Talento, Jordi Estruga, manifestou que "queremos que o Circuíto do Talento en Lugo sexa un punto de encontro de empresas, centros educativos, entidades locais, e expertos de distintas disciplinas (tecnoloxía, sustentabilidade, creación artística, deporte…) no que os mozos poidan descubrir novas oportunidades de desenvolvemento".
Estruga, ademais, explicou que "desde as primeiras reunións de preparación do Tour fomos moi conscientes da importancia que ten o deporte en Lugo, e para iso incorporamos ao programa unha xornada dedicada a analizar os valores do deporte desde distintas perspectivas e como estes se vinculan co mundo empresarial".