O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, celebrou que o Concello de Lugo culmine o procedemento para a mellora e adecuación do aparcadoiro do Campo de Fútbol das Gándaras, tras conseguir a cesión temporal dos terreos propiedade do Ministerio de Defensa e completar todos os trámites necesarios para a súa licitación, prevista para os vindeiros días. Bustos subliñou que o custo será asumido integramente polo Concello e que "a Xunta non achegou axuda nin realizou ningunha xestión efectiva en todo este tempo, malia que agora o seu delegado queira escenificar un suposto compromiso que nunca se traduciu en feitos reais".
O edil quixo deixar claro que este avance é froito dun traballo continuado que arrincou o 20 de xaneiro de 2024, cando se iniciaron as conversas coa Subdelegación do Goberno, que remitiu o asunto ao coronel da Subdelegación de Defensa en Lugo para establecer os pasos da cesión. En marzo de 2024 presentouse o primeiro escrito formal solicitando o uso dos terreos e en xuño dese ano chegou a resposta do Departamento de Enaxenación de Defensa. Posteriormente, e sempre grazas á xestión municipal, remitiuse un novo comunicado ao INVIED para acelerar a autorización ante a alta concorrencia de vehículos na tempada de adestramentos. Ese esforzo cristalizou o 2 de febreiro de 2025 nun acordo entre a Concellaría de Deportes e o Ministerio de Defensa para adecuar os terreos, pendente de certificación urbanística, que se obtivo en maio, legalizando así o estacionamento, que ata entón non estaba permitido. Ese mesmo mes formalizouse a cesión temporal, ao chegar a un acordó o Concello con Defensa despois do proceso negociador, e posteriormente abriuse o procedemento para a licitación das obras que agora se executarán con fondos propios.

Fronte a este traballo documentado e constante, Bustos denuncia que o delegado da Xunta "pretende aparecer agora como parte implicada cando non moveu un dedo ata que o proxecto chegou ao final do procedemento". Engade que "ademais coincide que a licitación está activa e, xusto agora, é cando se ofrecen a financiar parte do aparcamento, cando xa coñecen o custo aproximado e saben canto se poderían gastar. Iso é moi inxusto". Para o edil, esta oferta de cofinanciamento anunciada en agosto "non é máis que unha manobra de cara á galería, unha práctica habitual da Xunta e do PP local, que consiste en chegar aos proxectos cando xa están rematados para tentar colgarse medallas que non lles corresponden".
"O señor Arias non pode vender agora un compromiso que nunca demostrou. Non nos tendeu a man en ningún momento durante este ano e medio de xestións, non estivo nas conversas con Defensa, non fixo os trámites urbanísticos nin asumiu un só custo. Todo o fixemos nós. E agora, cando a licitación é inminente e todo é público, pretenden escenificar un liderado que non existe. As lucenses e os lucenses saben perfectamente quen negociou con Defensa, quen obtivo a cesión e quen vai pagar a obra: o Concello de Lugo", sentenciou Bustos.
O edil concluíu asegurando que "esta actuación responde a unha demanda histórica dos clubs e usuarios do Campo das Gándaras, e imos cumprila sen axudas externas, porque o noso compromiso co deporte lucense é real e demóstrase con feitos, non con notas de prensa oportunistas". Engadiu que, "sendo o caso e vendo a vontade da Xunta de querer sumarse ao carro de facer investimentos deportivos na cidade, recibirán propostas en diferentes terreos e equipamentos para que poidan financiar algunha instalación destinada ás categorías inferiores, das que a Xunta carece en Lugo. Evidentemente, de cesión gratuíta, non como os pavillóns dos institutos polos que cobran. É unha mágoa que, como sempre, intenten chegar tarde para apuntarse goles que non lles corresponden, algo que é moi feo. Pero xa que teñen esa vontade de colaborar, non se preocupen: o Concello remitiralles moitas das peticións que nos fan os clubs para que poidan investir na cidade e, a ver se así, conseguimos ter a primeira instalación deportiva da Xunta de Galicia en Lugo cedida de maneira gratuíta aos clubs, como xa acontece noutros lugares".